miércoles, 20 de junio de 2012


CULTURA PROLETARIA E POPULAR


Ben di a abertura deste blog consoante á necesidade dunha cultura proletaria que faga fronte á alienación capitalista. Porque nunca como nestes tempos a ideoloxía burguesa ou capitalista cobrou semellante importancia como soporte do modelo dominante. Os mecanismos de ideoloxización sabemos que son diversos, pero o que se vende como concepto cultura nun sentido amplo, reviste especial importancia.

Fronte a esta realidade alienante que caracteriza o actual escenario histórico de crise económica, pero tamén de crise brutal no eido moral e cultural, imponse para as organizacións obreiras e populares a reivindicación dunha cultura que proxecte o que somos: homes e mulleres que pertencemos a unha clase social, á clase traballadora, e cidadáns dun país, Galicia.

No plano ideolóxico-cultural (propaganda) o inimigo é intelixente como non podería ser menos. Aos ollos das masas alienadas, a liña divisoria antre a cultura popular e a non asimilada, é difusa. O sistema, de maneira sutil, promove o que é inofensivo para o mesmo, fíxoo sempre. Asociou conceptos abstractos de cultura popular á cultura folclórica, cando non vilega ou atrasada, da mesma maneira que nos vende o falso concepto de cultura universal ou moderna asociada a arquetipos que nos impoñen.

O exercicio planificado (non casual) da alienación cultural ten adquirido dimensións colosais. Isto estase a manifestar en todos os planos da cultura, pero nomeadamente no eido músical e o audiovisual, segmentos culturais susceptibles máis que ningún outro de mercantilizar e de chegar ó consumidor de xeito masivo, a través dos medios de comunicación. A utilidade económica e ideolóxica é obvia.

Esta enxurrada masiva chega a confundir con facilidade ao consumidor do producto. Exemplo do que dicimos sería o chegar a asumir como música popular, arquetipos absolutamente aberrantes en estética como no contido. Serían bos exemplos os conceptos: “postmodernidade”, “undergound” ou “cultura bizarra”, que son presentados como sinónimos de modernidade, cando en realidade son expresións en gran medida da subcultura lumpen. Compriría volver a ler a J.P.Sarte, entenderíamos mellor que é a cultura comprometida; cunha clase, cun tempo e cun lugar.

Conceptos como “radical” ou “antisistema” nos máis dos casos son puro mimetismo inxenuo de subcultura que nada ten que ver con “contracultura” ou coa cultura popular.

No hay comentarios:

Publicar un comentario